17 de maio

Hoxe 17 de maio a sociedade galega celebramos algo máis que o día das nosas letras, celebramos o día da nosa lingua. Unha lingua tan fermosa como importante, unha lingua que é a nosa principal sinal de identidade e unha lingua que é a base da nosa cultura e da nosa sociedade. Esa lingua é o GALEGO!

Un Galego que, como algúns queren negar, está ameazado. Cando digo isto no meu círculo de amigos e amigas, sempre me responden que os nacionalistas queremos impor o Galego, e que así solo o prexudicamos. E non lles falta razón digo eu, porque durante moito tempo os movementos galeguistas a prol do idioma veñen utilizando discursos de guerra e confrontación e esa non é a liña que debemos seguir para defender o noso idioma. Estou totalmente seguro de que a nosa lingua está ameazada, non é algo que se poida por en dúbida. Certo é que hai quen di que na escola garántese o seu ensino cun número de horas que estipula a lei, lei que é moi mellorable, pero o gran problema da nosa lingua non está na escola, está na sociedade. Cantos dos nosos pequenos falan galego, unha minoría e esa minoría encádrase no rural onde a sociedade aínda conserva nun alto porcentaxe a nosa lingua

Traballo nun centro de ocio onde a maioría dos menores usan o castelán como lingua nai, iso non me priva de falar sempre en galego, para que tamén o poidan coñecer. Hai unhas semanas comezou a asistir ao noso centro un rapaz dun lugar próximo, un rapaz galegofalante, cun galego moi fermoso. Tres semanas despois ese rapaz comezou a falar castelán debido as presións inconscientes que fan os outros menores. É aí onde o galego se sinte ameazado, é aí onde temos que actuar, non podemos consentir que a sociedade permita que o castelán teña mellor valoración que o galego, non podemos consentir que os nosos pequenos non poidan desfrutar do seu ocio en galego, nin eles nin nós.
En calquera outro País con un idioma de seu as administracións defenden o idioma por riba de todo, aquí pasa totalmente ao contrario. Os medios de comunicación cada vez están máis castelanizados, cantos xornais quedan escritos en galego? Cada vez escoitase máis castelán na radio e televisión pública galega, que debía ser a maior canle de promoción do galego. É imposible poder acceder a ver unha película en galego nos cines do noso País, e ben demostrou A Esmorga que se pode triunfar en galego, a sociedade non ten medo ao galego.

As empresas privadas tampouco fan moito por defender o noso idioma e promocionalo, porque señores de Gadis é moi bonito facer un “spot” potenciando a idea da galeguidade, pero logo o de que os letreiros do supermercado estean en castelán unicamente é vivir como galegos, non? POIS NON! E non son os únicos, porque os grandes cervexeiros da Galiza por excelencia, podían tirar un pouco máis de orgullo de orixe e galeguizar o seu nome para poder comercializar así realmente a marca galega con orgullo. E moitos outros exemplos que se me poderían ocorrer.
Por iso hoxe e sempre eu defendín, defendo e defenderei o GALEGO, porque si, está ameazado por culpa dunha sociedade e duns medios que indirectamente nos impoñen o español. E non quero impoñerlle o Galego a ninguén, simplemente quero que me posibiliten vivir en Galego, poder traballar en Galego, poder estudar en Galego, poder desfrutar do meu ocio en Galego e poder facer País en Galego.

Ángel Sánchez Tallón
Secretario Xeral

Comentarios

    No Comments

Deixa un comentario

Non publicaremos o teu email. Os campos marcados con asterisco (*) son obrigatorios.